O Ateneo de Santiago converteuse o pasado luns no escenario dunha conferencia histórica titulada «O coro do Mestre Mateo revelado: a recuperación dun monumento único», impartida por Francisco Prado-Vilar, profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago e Investigador Distinguido do CISPAC (Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais). Durante este evento, Prado-Vilar desvelou os avances máis recentes do proxecto KosmoTech_1200, centrado na reconstrución dixital do desaparecido coro pétreo do Mestre Mateo, unha das grandes xoias do románico da Catedral de Santiago.
O coro, cuxa creación se atribúe ao soado Mestre Mateo no século XII, foi destruído no século XVII e permaneceu como un enigma ao longo dos séculos. Agora, grazas ao traballo deste proxecto de investigación, volveu a cobrar vida nunha recreación dixital inmersa, que permite aos asistentes visualizar como era este espazo litúrxico e musical de gran relevancia.
Na conferencia, á que asistiu un numeroso público, Prado-Vilar explicou o proceso de reconstrución dixital utilizando técnicas avanzadas como a fotogrametría, a análise de policromía e a anastilosis para recompoñer a arquitectura orixinal do coro e restaurar o seu colorido.
De feito, un dos aspectos máis destacados do proxecto é a recuperación dos sitiais orixinais, que foron recreados en 3D, ofrecendo así unha representación detallada do que foi unha das obras máis espléndidas da Catedral de Santiago.
Este traballo de dixitalización tamén inclúe a análise da polifonía medieval, que atopou no coro un espazo fundamental para o desenvolvemento da música relixiosa na Idade Media.
Estes avances permiten apreciar a dimensión artística e arquitectónica do monumento, así como o seu rol central na historia da música medieval, fusionando arte, música e identidade cultural galega.
Con todo, o proxecto non só posibilitou a recuperación dun monumento esencial da obra do Mestre Mateo, tamén autor do soado Pórtico da Gloria, senón que abriu a porta a experiencias inmersas nas que o público poderá percorrer virtualmente o coro, revivindo así un fragmento esencial do patrimonio compostelán.

