Luz verde ao convenio polo que se creará a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital

2 Mar 2023 | Cátedra, Dixitalización, Patrimonio

O Consello da Xunta, reunido o pasado 20 de xullo de 2022, deu luz verde ao convenio que subscribirán a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), CRUSOE e NTT Data para poñer en marcha unha ambiciosa iniciativa: a creación da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital.

A Cátedra estará vinculada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), situado nas instalacións da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.

Ao amparo deste proxecto, que contará cun orzamento de 322.000 euros ata o ano 2025, impulsarase unha batería de medidas para fomentar a docencia, a investigación e a difusión de coñecemento sobre o Patrimonio Cultural Dixital, especialmente aquel relacionado e estreitamente ligado co Camiño de Santiago.

FORMACIÓN E INVESTIGACIÓN

A folla de ruta prevista para o período 2022-2025 inclúe o impulso do Observatorio do Patrimonio Cultural Dixital.

Esta ferramenta nace co obxectivo de monitorizar a situación e evolución nesta materia no ámbito da eurorrexión e a súa área de influencia.

Tamén se promoverán accións de investigación encamiñadas a xerar coñecemento específico e, así, cuantificar e valorizar o Patrimonio Cultural Dixital.

No marco da Cátedra, desenvolveranse iniciativas formativas de máster e doutoramento neste campo no seo de CRUSOE.

Este traballo realizarase en paralelo a unha serie de programas específicos destinados a fomentar as vocacións STEM, xunto con iniciativas de formación ocupacional e capacitación profesional en ámbitos non urbanos. Estas propostas farán fincapé, ademais, en aspectos de igualdade de xénero.

EMPRENDEMENTO E INTERNACIONALIZACIÓN

O emprendemento é outra das patas deste proxecto. Neste campo, impulsaranse iniciativas transdisciplinares en Humanidades, Ciencias Sociais e Tecnoloxías da Información e a Comunicación, que permitan poñer en valor o Patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago desde un enfoque holístico.

Outras medidas irán enfocadas a estreitar lazos no panorama europeo e latinoamericano. A internacionalización será esencial e, por iso, desenvolveranse accións de colaboración que poñan o acento nas políticas e directrices da Comisión Europea e o Parlamento Europeo en materia de transición dixital, Patrimonio e a súa repercusión no ámbito cultural, educativo, turismo dixital e sostible, o audiovisual e o hipersector TIC.

DIXITALIZACIÓN

As actuacións desenvolvidas desde a Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital irán en sintonía coas accións de dixitalización impulsadas polo Goberno galego no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030 e que buscan situar a Galicia como unha rexión de referencia neste campo no panorama internacional.

Entre estas iniciativas, o repositorio en liña Galiciana, con máis de 330.000 bens dixitalizados; o proxecto Galicia Nomeada, que recolle a riqueza da toponimia do territorio galego; ou a Memoria Dixital de Galicia, que busca dar un impulso á dixitalización de documentos, recursos e o desenvolvemento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural.