A Catedral de Santiago albergou fai séculos un monumento adiantado ao seu tempo: un coro pétreo do Mestre Mateo que representaba á polifonía. Aínda que desapareceu fai centos de anos, agora o proxecto KosmoTech_1200 o resucitou grazas á tecnoloxía e á reconstrución dixital.
A polifonía, unha técnica de canto a varias voces que contrastan entre si, xurdiu na Escola de Notre Dame durante o século XII. Algúns membros do corpo eclesiástico de Compostela que se atopaban en Francia decidiron encargar ao Mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria, un espazo no que practicar esta disciplina dentro da Catedral de Santiago.
Este converteuse no primeiro da súa categoría. Nin sequera a Catedral de Notre Dame, berce da polifonía, dispoñía dun coro con estas características. A súa decoración incluía figuras relixiosas de apóstolos e profetas que tiñan a man esquerda levantada para representar a chamada ‘mano guidoniana‘, un código musical da época co que se podían ler noras musicais de acordo coa posición dos dedos.
No ano 1605, esta obra foi desmantelada. Algunhas partes reutilizáronse en diferentes estruturas e monumentos da Catedral, outras acabaron fora do templo.
Agora, máis de catro séculos despois da súa desaparición, podemos contemplar outra vez o coro pétreo grazas ao proxecto KosmoTech_1200 da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o reconstruíron dixitalmente ata o último detalle.
Esta iniciativa, encabezada por Francisco Prado-Vilar, profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, empregou tecnoloxía de vangarda, como a mediación con raios láseres, e técnicas tales como a fotogrametría ou a anastilosis, para recrear a aparencia orixinal do monumento mediante un modelo 3D.
Para o mobiliario e as cores, o equipo recorreu á investigación exhaustiva de documentación histórico-artística e de miniaturas da época, así como a análise dos restos no museo da Catedral.
Este proxecto demostra o gran potencial que ten a dixitalización á hora de conservar e restaurar o patrimonio cultural. Neste caso, sería posible crear un escenario virtual dentro da Catedral no que os seus visitantes poderían utilizar lentes de realidade aumentada para visualizar como sería o coro do Mestre Mateo se seguira no seu lugar orixinal.
Ademais, tamén abre a posibilidade á reconstrución material de obras perdidas co paso do tempo. Deste xeito, cos recursos e financiamento adecuados, poderían crear réplicas fidedignas que ‘resuciten’ pezas artísticas desaparecidas.
Restauración do pasado para o futuro
O proxecto KosmoTech_1200 inscríbese dentro da actividade do grupo de traballo de Patrimonio Cultural Dixital da Rede CRUSOE como exemplo da colaboración público-privada na valorización da investigación básica de vangarda.
A iniciativa centra as súas accións na Catedral de Santiago e, en concreto, en dúas estruturas creadas baixo a dirección do Mestre Mateo: o nártex de tres pisos do Pórtico da Gloria e o coro pétreo. Ambos os monumentos son únicos na súa tipoloxía e exemplos das complexidades da revolución artística que transformou a escena europea no século XII.
Ademais de producir restauracións dixitais avanzadas, KosmoTech_1200 busca ter un impacto social deseñando ferramentas pedagóxicas para axudar a grupos específicos a mellorar as súas habilidades cognitivas e creativas.